Herbas da noite
Esta pequena guía das herbas de San Xoán non ten máis intención cá de recoller os usos populares e propiedades das herbas que se apañan na véspera desta data máxica. Esta idea nace da constatación de que a medida que pasan os anos vaise perdendo esta tradición e, con ela, os nomes das plantas, e as plantas mesmas, ao iren desaparecendo as depositarias (pois maiormente son mulleres) desta humilde pero entrañable sabedoría.
Eu fun polo monte con elas de pequena e gardo memoria desas tardes en que descubrir o tromentelo, o fento en crus ou os poexos era unha alegre, divertida e enriquecedora aventura. Máis tarde fun quen de recoñecer arrecendos que me trasladaron a esas tardes despreocupadas e felices e alimentaron a miña memoria visual e olfactiva.