Nº 381 (2020): Ricardo Carballo/Carvalho Calero
Neste ano 2020, a Real Academia Galega acordou dedicar o seu día grande, o Día das Letras Galegas, a un autor especialmente significativo do pasado século, figura sobranceira da memoria do galeguismo contemporáneo. O ano 2020 foi o Ano Ricardo Carballo Calero, tamén Carvalho Calero, como el empezou asinar a partir de 1981.
Figura rica e nalgúns aspectos controvertida, o que non lle quita valor; todo o contrario: enriquece a súa significación. A súa biografía avanza polos grandes acontecementos da historia da Galicia contemporánea e do galeguismo: dende a memoria das Irmandades da Fala (1916) e o Seminario de Estudos Galegos (1923), ao tempo ilusionante da Segunda República, os traballos a prol da Autonomía en 1936, a guerra civil, a represión, o ostracismo, o exilio interior, a resistencia democrática e cultural arredor do proxecto que no seu día significou a creación da Editorial Galaxia e os traballos de recuperación da memoria e a dignidade da lingua e cultura de noso.
Ricardo Carvalho Calero é autor dalgúns textos fundamentais no proceso de formación de varias xeracións de galegos e galegas. Foi o primeiro Catedrático de Lingüística e Literatura Galega da Universidade de Santiago de Compostela, en 1972. A súa Historia da literatura galega contemporánea ou a Gramática elemental del gallego común foron achegas de extraordinario valor no seu momento, e nalgúns aspectos ségueno sendo.
Nas páxinas que seguen reunimos, unha vez máis, achegas e traballos arredor da figura e a obra do noso autor, contemplada dende a riqueza da diversidade de perspectivas, ás veces dende a discrepancia crítica, outras dende a adhesión ás súas propostas. Mais sempre dende a admiración, o respecto e o afecto. Publicamos tamén por vez primeira a proposta articulada de reforma das Normas ortográficas e morfolóxicas da RAG presentada por Carvalho á Academia en 1979, que permite coñecer a evolución da posición de Ricardo Carvalho Calero en relación coa codificación normativa do galego.