Unha aldea inventada por el, chamada Rego Torto, e habitada por personaxes e situacións surrealistas, inspirou os seus primeiros traballos. Agora, Cristian F. Caruncho, debuxante ortegán de 22 anos, bebe da súa propia contorna para contar, a través das súas ilustracións, a historia de Moncho de Grandarroiba, un veciño seu, da parroquia de Couzadoiro, no Ortegal, que sempre lle espertou unha grande curiosidade.
É un home solitario, que vive nos montes de Couzadoiro, que agora ten uns cincuenta anos. É un home de poucas palabras, duro, comenta o autor. A súa vida, desde que era pequeno ata a actualidade, fía o cómic Grandarroiba que vén de saír do prelo da man de Demo Editorial.
No cómic vese como vai cambiando a relación do protagonista cos veciños, tamén co seu cabalo, co que pasa máis tempo, co seu can, e como é a súa vida polos montes do Ortegal, conta o ilustrador.