Noticias

11 SEP

Xoán Neira presenta o libro Gaiola aberta

Primeira presentación do curso. Xoán Neira visítanos para presentar a súa escolma de poesía infantil Gaiola Aberta.
Xoán Neira presenta o libro Gaiola aberta

Comezamos un novo curso e tamén retomamos ás actividades na Librería Trama.

Este xoves, día 13 de setembro, ás sete e media da tarde, Xoán Neira presenta a súa Gaiola aberta (Escolma de poesía infantil). A obra foi editada por Armando Requeixo e publicada por Baía edicións.

Na presentación participarán, ademais do autor, o tamén escritor Xosé Miranda e a directora de Baia edicións, Belén López.

Ademais, durante o acto haberá un pequeno recital a cargo dalgúns pequenos.

 

Esperámosvos!!!

 

 

Baia edicions:

"Obra dirixida a nenas e nenos que achega unha selección dos poemas editados por Xoán Neira ao longo dos últimos vinte anos e coa que o autor quere facer unha sentida homenaxe a Manuel María no cincuentenario da publicación da primeira edición do seu celebérrimo Os soños na gaiola.

 

Como nos anuncia Armando Requeixo, autor da edición e do limiar, nesta Gaiola aberta de Xoán Neira atoparás grilos grileiros, toupas ceguiñas, tartarugas de pel dura e donicelas bulideiras. Tamén osos chorosos, lobos solitarios, raposos pillabáns e ata cervos de luz. Moitas raiolas na chuvia, avós paseadores, lúas crecentes e papaventos voadores. E un carrusel que xira e xira, un tren que vai e vén, un pirata boa pata e un máxico xardín.

 

Queres coñecer a fonte de auga lizgaira, o sol da grandísima flor e a rosa de lume? Desexas saber todos os misterios do espantallo elegante, o paporroibo piador, o piñeiro de alta copa e o morcego voador? Pois non o penses máis: dálle a volta ao libro e comeza a soñar."

Volver a noticias